Comunicado lido na manifestación do 17 Xuño diante do Concello de Nigrán

logo PXOMVeciños e veciñas, amigas e amigos:

As AA VV estamos agradecidas por esta expresión pública e libre de rexeitamento deste Plan Xeral que se pretendía aprobar o pasado venres 2 de xuño. Sentímonos apoiados por todos e cada un de vós para seguir reclamando o que nos corresponde.

Hoxe, 15 días despois de daquela revolta que espallou o nome de Nigrán arredor do mundo, moitas cousas cambiaron. Saíu á luz moita inmundicia e os lobos xa empezaron a pelexar entre eles a dentadas.

Pero o máis importante, o que de verdade cambiou, é que agora saben que ninguén, nunca máis, poderá gobernar este Concello coma se fora a súa finca privada.

A pesar de todo, ese maldito Plan Xeral aínda non foi retirado.

O noso ánimo é seguir pelexando, e a vosa presencia aquí hoxe aínda nos anima máis.

Queremos que saibades que as vosas voces foron escoitadas en lugares tan distantes como Xapón, Canadá, Irlanda, Noruega, Reino Unido, Dinamarca, Alemaña, e por suposto en todo o Estado español. De todos estes sitios nos chegan felicitacións e palabras de alento que queremos compartir con vós porque a vós van dirixidas.

Curiosamente, aquí ó lado, o noso Alcalde resístese a escoitarnos e o único que nos ofrece é tomar nota das nosas suxerencias que posiblemente acaben na papeleira. O que nos ofrece, non o compromete a modificar nin un só punto do Plan Xeral que pretenderon aprobar.

Así que estamos como hai 15 días. Xa entón reclamabamos que o Nigrán no que queremos vivir sexa o que figure sobre os planos. Un concello con vida propia, con servicios públicos, un Nigrán equilibrado en tódalas parróquias.

Un Nigrán pensado para vivir os veciños e veciñas e non un “Agregado Urbano Litoral” e residencial.

Queremos ser un Concello, non unha sucursal.

Pero sobre todo, o que non queremos, é ver convertido este lugar marabilloso que nos veu nacer, nunha froita podre da especulación urbanística e da corrupción política.

Por eso, ante a avalancha de presuntos delictos, de tratos de favor, de informacións privilexiadas e de inxustificadas recualificacións de fincas, esiximos a inmediata acción da xusticia, e declaramos publicamente, con toda a forza da nosa voz, que xa non nos queda unha pinga de confianza, de credibilidade, para eses que, nun mal día, moitos de nós votamos.

Reivindicamos o dereito ó crecemento natural e sostible de todas as nosas parroquias.

Desde o esquecido Chandebrito, para o que só gardan o regalo envelenado dun campo de golf, ata o Nigrán que queren asfixiar cunha enchente de ladrillos.

Non se resolven os problemas urbanísticos de Panxón, e queren destruír o espacio natural de Monteferro como destruíron as dunas de Gaifar hai anos.

A Priegue e á Ramallosa queren partilos ó medio cun absurdo vial que non vai a ningures e Camos tamén quedaría roto e afogado. Nas Angustias un negocio para catro, e a total desolación para Parada.

Por todo isto esiximos tamén a elaboración dun novo Plan Xeral, dende o consenso, o diálogo, o sentido común e sobre todo dende a absoluta transparencia, para que o nome de Nigrán quede limpo e non volvan resoar as voces que o cualifican vergonzosamente como a Marbella galega.

Queremos acabar agradecendo a presencia e a solidariedade dos que viñeron hoxe a apoiarnos desde outras vilas e lugares.

Reciban eles tamén o noso ánimo.

Porque a ameaza da especulación e o perigo de destrucción do noso patrimonio, non afecta só a Nigrán, senón a toda a costa e a moitos lugares do interior de Galicia.

Sigamos coma hoxe unidos para defendernos de aqueles que, por un puñado de euros, queren destruír a nosa paisaxe, a nosa riqueza natural, a nosa forma de vida.

Moitas gracias a todos e todas.

Anúncios

0 Responses to “Comunicado lido na manifestación do 17 Xuño diante do Concello de Nigrán”



  1. Deixe um Comentário

Deixe uma Resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão / Alterar )

Imagem do Twitter

Está a comentar usando a sua conta Twitter Terminar Sessão / Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão / Alterar )

Google+ photo

Está a comentar usando a sua conta Google+ Terminar Sessão / Alterar )

Connecting to %s





%d bloggers like this: